A revolución da biotecnoloxía na aula.

Los pequeños científicos del mañana

Hai xa máis de cen anos un descubrimento cambiou radicalmente a nosa visión do mundo: ao noso lado viven miles e miles de millóns de seres invisibles dotados de habilidades insospeitadas. Transformaban a materia mineral e orgánica e interferían continuamente na vida dos demais seres vivos, inoculándolles enfermidades ou cooperando nas súas actividades. Tratábase das bacterias, seres completamente vivos e evolucionados que prosperaron durante máis de 3.500 millóns de anos.

As bacterias só chegan a medir uns microns de diámetro. Están formadas por unha célula moi sinxela que ten poucas estruturas e un só cromosoma que non se encontra no núcleo porque este non existe. Son os habitantes máis numerosos da Terra: reprodúcense tan rapidamente que poden dobrar o seu número cada media hora. E tamén son os máis grandes inventores químicos da historia do planeta: poden fotosintetizar, descompoñer, producir alcohol ou fermentar azucre en vinagre. De feito, unha soa bacteria fotosintética podería, en condicións idóneas, producir todo o osíxeno contido na atmosfera actual nunhas poucas semanas.

Continuamente descóbrense novas traballadoras hiperespecializadas que se domestican, patentan e conservan. Porque as bacterias saben facer case todo. En 1908 coñecéronse os beneficios das bacterias lácticas; o farmacéutico español Daniel Carasso (que deu o seu nome a Danone) fabricou o primeiro iogur industrial. Detrás das dúas mil variedades de queixo do mundo ocúltanse multitude de especies de bacterias. Un gran número de medicamentos elabóranse baseándose nelas: vitamina C, insulina, cortisona?

Pódese xogar a imaxinar que sucedería se unha gran catástrofe eliminase a vida bacteriana da Terra. En primeiro lugar, desaparecerían as enfermidades causadas por elas, como a tuberculose e a difteria… Quizais os científicos protestarían porque quedarían sen material de estudo. Peor teríao a industria farmacéutica; remataríase a produción de insulina e cortisona. Despois comezaría a queixarse o sector alimenticio: non máis pan, queixo, cervexa? Pero non importaría demasiado, porque xa ninguén dixeriría eses alimentos: sen bacterias intestinais nin o home nin o resto dos animais poderían dixerir ningún tipo de comida. A auga contaminaríase e a terra cubriríase de restos de animais e vexetais que xa non se descompoñerían. Os vexetais xa non volverían crecer e probablemente proliferarían os insectos, que reinarían sobre o planeta. Que panorama!

Afortunadamente as bacterias seguen estando aquí. Son un exemplo único de como a través da ciencia coñecemos moi de preto uns seres que aínda que poden poñer en perigo a existencia humana, na súa maior parte sinxelamente fan posible a vida.

Esta entrada foi publicada en Biomateriais, Biotecnoloxía e etiquetada . Garda o enlace permanente.

Deixa unha resposta