Orixe da vida

Nas ciencias naturais, a orixe da vida na Terra relaciónase coa teoría da abioxénes no sentido moderno que se lle dá en ciencia a este termo, e que estuda o como e o cando a vida apareceu e se desenvolveu na Terra e, hipoteticamente, noutros lugares do universo coñecido, a partir do big bang (datado hai 137.000 millóns de anos) até os nosos días.

A cuestión da orixe da vida na Terra xerou nas ciencias da natureza un campo de estudo especializado cuxo obxectivo é dilucidar como e cando xurdiu. A orixe da vida na Terra, a partir da materia inerte, pódese datar, cos coñecementos actuais, nun período comprendido entre hai uns 4.400 millóns de anos, cando se deron as condicións para que o vapor de auga puidera condensarse por primeira vez, e permanecer en estado líquido na superficie terrestre, e hai uns 2.700 millóns de anos, cando apareceron os primeiros indicios de vida.

A orixe da vida xa foi tratado na antigüidade no ámbito de diversas relixións e por diversas escolas filosóficas. O contraste entre os modelos científicos e o que se afirma literalmente nos textos sagrados das diversas relixións orixinou debates, ás veces virulentos, entre a ciencia e a fe.

Desde o punto de vista científico, a explicación da orixe da vida parte do presuposto fundamental de que as primeiras formas viventes se orixinaron a partir de materia non vivente, a través de reaccións que actualmente non se producen no noso planeta. A interrogante sobre como se orixinou a vida sobre a Terra púidose comezar a responder despois do desenvolvemento da teoría da evolución por selección natural, elaborada por Alfred Russel Wallace e Charles Darwin en 1858. Esta teoría suxería que todas as formas de vida están relacionadas, por procederen dun antepasado común extremadamente “simple” desde o punto de vista biolóxico.

Pero o principal problema é comprender como se orixinou esta simple forma primordial, presumibelmente unha célula moi similar aos actuais procariotas, contendo a información xenética, conservada nos ácidos nucleicos, ademais de proteínas e outras biomoléculas indispensábeis para a propia supervivencia e reproducción. O proceso evolutivo que levou á formación dun sistema complexo e organizado (o primeiro ser vivente) a partir do mundo prebiótico durou seguramente centos de millóns de anos, a través de etapas sucesivas de fenómenos que, despois dun número elevado de tentativas, e grazas á intervención da selección natural, conduciron a sistemas progresivamente máis complexos. A primeira etapa fundamental foi a produción de moléculas orgánicas, como aminoácidos e nucleótidos, que constitúen “os ladrillos da vida” (o que se coñece como síntese química).

Os experimentos de Stanley Miller e outros demostraron que esta síntese era realizábel nas supostas condicións fisicoquímicas da Terra primordial, caracterizada por unha atmosfera redutora. Por outra parte, o achado de moléculas orgánicas no espazo, no interior de nebulosas, cometas e meteoritos, demostrou que estas reaccións se produciron tamén noutros lugares do universo, polo que algúns científicos supuxeron que as primeiras biomoléculas foron transportadas á Terra por medio de meteoritos.

A cuestión máis difícil é explicar como destes sinxelos compostos orgánicos, concentrados nos mares e constituíndo un chamado caldo primitivo, puideron chegar a formarse células dotadas dos requisitos mínimos esenciais para poderen ser consideradas viventes, isto é, a capacidade de utilizar materiais presentes no ambiente para manter a propia estrutura, organización, e poder reproducirse.

Moitos científicos trataron de aclarar, mediante hipótese e experimentos, as etapas fundamentais que conduciron á vida, como a orixe dos primeiros polímeros biolóxicos e, despois disto, dunha molécula capaz de producir copias dos mesmos, o “replicador”, do que derivan os nosos xenes, e a formación da primeira membrana biolóxica, que crearían compartimentos illados do ambiente externo, nos que evolucionaron os primeiros sistemas de reaccións e a primeira vía metabólica catalizada por enzimas. Non obstante, a reconstrución da historia da vida presenta aínda moitos interrogantes, concernentes sobre todo á sucesión dos eventos. Os progresos neste campo de investigación vense obstaculizados pola carencia de rexistros fósiles e pola dificultade de reproducir estes procesos no laboratorio.

 

Esta entrada foi publicada en Orixe da Vida e etiquetada . Garda o enlace permanente.